Friday 26 de April de 2024

O Concello de Boqueixón adxudica as obras do Programa de Desenvolvemento Rural do AGADER por preto de 50.000 euros


Levaranse a cabo acondicionamentos e melloras en viarios e cruces
O Concello de Boqueixón vén de adxudicar os proxectos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), promovido polo AGADER. Así, levaranse a cabo un total de catro actuacións, que suporán un investimento de preto de 50.000 euros e que se centrarán na mellora e acondicionamento de distintos viarios do municipio.
Así, contémplase a aplicación dun tratamento asfáltico a un camiño de máis de 230 metros de lonxitude en Maravexás, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. Tamén se executarán 115 metros de cuneta de seguridade en formigón. Colocarase, finalmente, un sinal de Stop neste viario.
Ao abeiro do PDR, tamén se acometerá o acondicionamento de dous cruces: o da estrada de Vigo a Melón e o da Rúa Manuel Rodeiro ao paso inferior. No primeiro caso, procederase á mellora da capa de rodaxe, coa aplicación dun tratamento asfáltico e rego de selado a toda a plataforma, e tamén se mellorará a sinalización vertical. No segundo caso, aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado, que se verá reforzado con pedra e un tratamento asfáltico semiprofundo nos últimos metros. Ademais, acometerase a pavimentación en formigón nos 10 metros baixo o paso inferior co que conecta
este cruce da Rúa Manuel Rodeiro. Colocarase un sinal de Stop e 16 metros de barreira de seguridade bionda.
Finalmente, adxudicouse o acondicionamento da pista de Lestedo ao paso superior, que conta cunha lonxitude de máis de medio quilómetro. Tamén se aplicará un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, que se reforzará coa mellora de 190 m 2 de sobreanchos. Colocaranse dous sinais de Stop.
Licitación das obras do Plan Único
Por outra banda, o Concello de Boqueixón ten en fase de licitación os proxectos incluídos dentro do Plan Único POS+2020 da Deputación da Coruña, por un montante de máis de 186.000 euros. As empresas interesadas en executalas, teñen ata o 30 de novembro para presentar as ofertas.
Entre as actuacións, construirase unha senda peonil de Lamas a Rodiño, que permitirá incrementar a seguridade dunha vía moi transitada, e que dará continuidade a xa habilitada no primeiro núcleo poboacional. Este proxecto prevé un investimento que supera os 110.000 euros.
O segundo dos proxectos do Plan Único prevé a mellora do camiño de Lamas á Igrexa. Neste caso, o orzamento rolda os 76.000 euros. Finalmente, levaranse a cabo tarefas de pavimentación dunha vía cunha lonxitude de 100 metros e unha anchura de 3,5 metros na Pena. Neste lugar tamén se mellorará a drenaxe coa apertura e limpeza de gabias e adaptaranse pozos e arquetas á nova rasante.